Sunday 28 de April de 2024

A Xunta comunica oficialmente o mantemento da prohibición de plantar pataca


A Xunta comunicou oficialmente este mediodía que as medidas de erradicación da couza guatemalteca da pataca se van manter alomenos outro ano máis. Polo tanto amplíase ata 2020 a prohibición de sementar nos concellos demarcados dentro da corentena decretada en 2017. Cómpre recordar que xa daquela se sinalaba que o prazo inicial de dous anos podería ampliarse ata os cinco se continuaban aparecendo avelaíñas nas zonas infestadas.

A normativa tamén di que a praga só se considerará erradicada se durante dous anos consecutivos non se detecta ningunha presenza de couza. Por este motivo é moi importante respectar a lei e non plantar, nin sequera un rego. A loita baséase principalmente en que non haxa pataca na terra para que a polilla non poida alimentarse nin reproducirse. Plantando ilegalmente estase contribuíndo a que o problema persista e, en consecuencia, a que se sigan mantendo as prohibicións.

Disque a Xunta reforzará os controis para detectar plantacións ilegais. Hai que lembrar que saltarse a prohibición pode supoñer tamén unha sanción de 3.000 euros. Onde si se pode seguir plantando con supervisión oficial é nas zonas denominadas como “tampón”, é dicir, en Moeche, Cerdido, As Somozas e Cedeira. Para obter máis información pódese acudir á Oficina Agraria Comarcal ou contactar co Servizo de Explotacións Agrarias no teléfono 981 182 579.